Fin de Ano: Sesión vermú co debut da banda viguesa Muñoz

Vigo. 21 de decembro de 2020. Será unha sesión vermú no 31 de decembro cun nome que non deixa lugar a dúbidas: ‘ Fuck You 2020’. Será a primeira presentación en público do potente son rockeiro da banda viguesa Muñoz, formada por coñecidos intérpretes da escena da música local. Ao escenario subiranse algúns invitados moi especiais. E moi poucas persoas, 250, poderán asistir. A distancia social estará máis que garantida.

Así planea o Auditorio Mar de Vigo despedir o ano 2020. Cun concerto dunha banda local e a participación de músicos locais. Tras un ano marcado polas limitacións pero no que o Auditorio Mar de Vigo conseguiu celebrar o festival musical máis importante do verán en España: o Festival TerraCeo. Nos seus case 40 concertos en aforo reducido, as medidas de prevención permitiron ás persoas volver gozar de música en vivo de forma totalmente segura. O esquema de prevención adaptarase ao impoñente e amplísimo espazo do hall do Auditorio para dicirlle adeus a 2020 con todas as garantías.

As entradas, do mesmo xeito que as do resto de espectáculos do Nadal programados polo Auditorio, xa están á venda en Ataquilla. com.

Maxia e espectáculos

O Nadal, tamén a de 2020, ten que ser dos nenos e as nenas. Por iso o Auditorio Mar de Vigo deseñou unha opción de cultura e entretemento seguros para as familias nestas datas. Polas súas instalacións pasarán dous espectáculos familiares de gran despregamento escénico e luminotécnico.

O primeiro dos espectáculos poderá verse os días 26, 27 e 28 de decembro ás 17.00 horas. Trátase de La Estación Mágica, unha proposta para familias de grandes dimensións escenográficas. A historia transcorre nunha estación de tren na que uns pasaxeiros moi pintorescos coinciden nunha locomotora de tamaño real. Farán unha viaxe ao mundo máxico do circo envolto nunha coidada escenografía arroupada por un gran desenvolvemento luminotécnico.

O día 3 de xaneiro comparecerá no Auditorio Mar de Vigo o ilusionista Pedro Volta. Presenta a súa nova proposta: Ilusionante. Sobre o escenario, Pedro Volta acertará predicións imposibles cos espectadores e fará maxia ultra moderna e emocionante inspirada en series e películas como La Casa de Papel, Regreso al Futuro, ou Los Cazafantasmas. O espectáculo de Pedro Volta, semifinalista do programa de televisión Got Talent, tamén estará acompañado dun interesante despregamento de medios audiovisuais.